Saturday 27 de April de 2024

A Mesa de Calidade da Costa da Morte propón a certificación SICTED de 34 establecementos


A proposta de empresas e servizos que superaron o Ciclo 1 de implantación remitirase ao Comité de Distinción en Madrid para acadar o distintivo promovido pola Secretaría de Estado de Turismo

No 2023 certifícanse aloxamentos rurais, hoteis, apartamentos turísticos, albergues, empresas de turismo activo, museos, oficinas de información turística, centros de interpretación e un balneario

A CMAT abrirá a próxima convocatoria a estes e outros subsectores

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), co apoio de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña, decidiu no marco da Mesa de Calidade reunida onte xoves no Centro Sociocultural de Baio e encabezada polo presidente da propia mesa e tamén da CMAT, Manuel Muíño, elevar a proposta de certificación de 34 establecementos polo Sistema de Calidade Turística en Destino, coñecido como SICTED. Trátase dun proxecto da Secretaría de Estado de Turismo (Setur), cunha metodoloxía propia, que contribúe a implantar un sistema de xestión de calidade contando cos axentes turísticos locais públicos e privados, que obteñen un distintivo de Compromiso coa Calidade Turística á vez que pasan a formar parte da rede de destinos SICTED de todo o territorio de España.

Estas 34 entidades da Costa da Morte completaron o Ciclo 1 de 2023. Foron 9 aloxamentos rurais; 8 hoteis e apartamentos turísticos, 2 albergues, 2 empresas de turismo activo, 6 oficinas de información turística, 6 museos e centros de interpretación e un balneario.

O proceso de formación, asesoría e avaliación, que comezou no pasado mes de xuño, foi realizado pola empresa Autoxiro. O seu director, Emilio Cuíñas, presentou os resultados deste traballo na Mesa de Calidade da Costa da Morte, da que forman parte a Xunta Directiva da CMAT, da cal estiveron presentes Manuel Muíño, María Lema, Pepe Formoso, José Muíño e Damián Álvarez; a xestora SICTED do destino, Marta Rodríguez; Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña, representadas nesta ocasión polos técnicos Enrique P. Etcheverría e Silvia Pérez, respectivamente. A Mesa de Calidade foi a encargada de elevar a proposta de certificación dos 34 establecementos, analizando a participación, compromiso e cumprimento dos requisitos do SICTED de cada un deles.

Equilibro territorial

As 34 entidades están distribuídas por todo o territorio da Costa da Morte dun xeito equilibrado, que era un dos obxectivos, e as empresas privadas son socias da CMAT a través de APTCM (Asociación de Empresarios Turísticos da Costa da Morte), buscando esa unión asociativa, requisito clave para continuar consolidando o destino da Costa da Morte.

“Ademais de elevar a calidade dos servizos turísticos da Costa da Morte, o SICTED está a servir de ferramenta para crear e consolidar destino, contribuir ao achegamento e traballo en rede dos profesionais do turismo do noso territorio, ao mellor coñecemento da oferta turística e ao fomento de novas oportunidades de colaboración neste sector”, destaca Manuel Muíño, presidente da CMAT.

As entidades que superaron este Ciclo 1 de implantación e logren a certificación no Comité de Distinción que se celebrará en Madrid en decembro, obterán o distintivo Compromiso de Calidade Turística e pasarán directamente ao Ciclo 2 no vindeiro ano. Cada ciclo de implantación ten unha duración estimada dun ano e inclúe formación sobre metodoloxía, atención ao cliente, boas prácticas ou lexislación, entre outros, ademais do asesoramento individualizado en materia de calidade, deseño e implantación de plans de mellora; e obradoiros colectivos para resolver dúbidas e abordar temáticas de interese para o destino. Esta anualidade realizáronse obradoiros dinámicos para que os establecementos adheridos coñecesen de primeira man iniciativas turísticas ligadas á certificación da Costa da Morte como Destino Turístico Starlight.

Este proxecto, apoiado pola Deputación da Coruña a través das axudas aos entes de xestión turística, ten vocación de continuidade e de aglutinar a todos os axentes implicados, polo que a CMAT abrirá a convocatoria o próximo ano a outros subsectores, para así ir paulatinamente incorporando á totalidade da cadea de valor do turismo da Costa da Morte.

Listaxe de entidades e servizos que se proporán ao Comité de Distinción para a certificación do selo de Compromiso de Calidade Turística:

Centro de Interpretación dos Muíños de Auga, A Laracha
Oficina de Turismo de Caión, A Laracha
Casa de Verdes Turismo Rural, Cabana de Bergantiños
Turismo Rural O Xastre de Anos, Cabana de Bergantiños
O Mar de Preciosa, Camariñas
O Refuxio do Náufrago, Camariñas
Balneario de Carballo
Casa Rural Mar de Queo, Carballo
Oficina de Turismo de Carballo
Hotel Faro de Lariño, Carnota
Oficina de Información Turística de Carnota
As Eiras Hotel, Cee
Atlantis Adventure, Cee
Oficina Información Turística Municipal de Cee
Museo da Pataca de Coristanco
Kayak Ézaro, Dumbría
Oficina Información Turística O Ézaro – Dumbría
Hotel Bela Fisterra
Hotel Semáforo de Fisterra
Museo do Mar de Laxe
Oficina Municipal de Turismo de Laxe
Hotel Playa de Laxe
Casa da Vasca, Malpica de Bergantiños
Centro de Artesanía e Tradición (CAT), Malpica de Bergantiños
A de Loló Alojamiento con encanto, Muxía
Albergue Bela Muxía
Apartamentos Touriñán Mar, Muxía
Casa Castiñeira, Muxía
Casa de Trillo, Muxía
A Casa da Canle, Vimianzo
Casas da Fontenla, Vimianzo
Castelo de Vimianzo
Hotel Rústico Casa do Vento, Zas
Torres do Allo, Zas